ColaCao vs Nesquik!
Ola de novo, meus bens!!!!
Unha bulla máis gañada, e con esta xa van dúas. O meu corazón esta cheíño de ledicia, e, como non, vou entonar o que se esta a converter no meu particular berro de guerra:
PAPÁ ESTA ENRIBA DE MAMA!!!!
E como non, antes de nada, lanzo un saudiño a tódolos navegantes que por aquí pasan a deixar os seus votiños coma si dunhas xerais se tratara. Bicos fortes para vos, Rocío, Silvia e Castaño.
Ben, o tema que hoxe nos ocupa non e outro que:
COLACAO vs NESQUIK!!!!
Eu, o menda lerenda, pola miña parte o teño clarísimo:
COLACAO FOREVER!!!!
Colócao. E aquí van os meus pros:
O COLACAO, fai uns grumiños chocolateados marabillosos, que teñen moitas características agradables.
O grumiño brandiño: É un grumiño, coma o seu propio nome indica, dunha textura moi suaviña. É brandiña ate no interior da boliña e cando a metes na boca e a desfás coa lingua, espárcese por ela e polo teu padal provocando un festival de sensacións na túa boca.
O grumiño polvoso: (…non pensedes mal!!!!…) É un grumiño que posúe a curiosa característica de ser igual que “O grumiño brandiño” pero no seu interior atopamos o COLACAO intacto. Deste xeito atopamos na nosa taciña unha boliña de cacao que cando introducimos na nosa boca e se desfai coa linguiña, deixa nun principio as calidades do “Grumiño brandiño” e despois notamos un lixeiro freo que é cando o COLACAO en estado puro e seco se enfronta as nosas papilas gustativas directamente facendo que a saliva segregue a saco para paliar a sequedade que produce o COLACAO sequiño e eleva, de este xeito, á enésima potencia o pracer producido polo COLACAO, misturando, neste caso, os sentidos do tacto, gusto e olfacto dun xeito inimaxinable con calquera outro tipo de cacao en polvo. E digo do olfato tamén, porque as máis das veces cando a boliña polvosa se abre, se nese preciso momento colles aire, o polvo chega ate as túas fosas nasais e as veces che fai estornudar, e por ende, che fai rir.
Xa sei que igual é, para algúns, un pouco coñazo o ter que estar a bater o cacao un pouco de tempo, pero non vos resulta tamén relaxante o soniquete que se produce polo bater da culler na taciña? Poderiamos dicir entón que o COLACAO tamén estimula o sentido do oído.
Logo poderiamos dicir que o COLACAO, e un producto que estimula os sentidos. Fagamos un repasiño:
* Tacto: Cando coa nosa lingua espertamos o pracer do cacao en polvo en forma de “Grumiño polvoso”
* Gusto: Porque o saborciño do COLACAO e un deses sabores de toda a vida que nunca esqueces.
* Olfacto: Cando chega ás nosas fosas nasais.
* Oído: Cando remexemos o leite co cacao para misturalo, iso si, deixando grumiños.
* Vista: Porque o COLACAO e un produto que ate o comes cos ollos.
Así que por todos estes motivos, eu declárome diante de todos vós COLACAÍSTA.
Hala, meus reis, aquí vos deixo con AnZonY e que gañe a opción máis votada, como debe de ser na democracia que ZAPPING é un pouco.
Mil bicos, meus bens!!!!
Ánzony: NESQUIK
Ola rapaces e ola Txuri!
Paupérrima exposición. Segues a vender fume, rapaz.
Antes de nada quero dicirlle a parte de lectores que me acusaron pouco menos que de pepeísta por atacar os teus argumentos antes de expoñer os meus, que a cousa vai así. Unha semana un ataca e o outro rebate e a semana seguinte do revés.
Unha vez aclarado isto, reafírmome. Que pena de exposición. Que forma de forzar e –coma sempre- de darlle ao persoal un baño de manteiga e argumentos que queren e gustan de ouvir, ou sexa, demagoxia barata.
Pero vamos a ver, meu rei. A ti non che gusta o colacao. A ti gústanche os grumos! Porque xa me dirás, en vez de aproveitar –como tiñas- a oportunidade que se che brinda para falar marabillas do colacao, fasnos unha pormenorizada relación da grumoloxía, que por outra banda é o defecto máis grande que ten o colacao e que non é capaz de superar despois de máis de 50 anos. E mira que o intentaron! Que si colacao instantáneo, que si baticao, que si fresquicao, que si super-cao-cara-cao. Na de na.
Por outra banda a min faime moita gracia porque parece como se ao beber o Nesquik non interviñeran os 5 sentidos. Ao mellor é que ti bebes polo cu –con todos os meus respetos, claro- pero vamos, non hai nin unha soa característica propia dos sentidos das que ti expuxeches que non ocorra tamén co Nesquik a non ser a do tacto, pero claro, o tacto do colacao é grumoso-asqueroso e o do Nesquik suave como a seda.
Non quería deixar pasar tampouco o punto de:
…” si nese preciso momento colles aire, o polvo chega ate as túas fosas nasais e ás veces che fai estornudar, e por ende, che fai rir”…
Pois vale. A partir de agora sei que me enfronto a un masoquista que cando está de baixón se mete unha raia de ácaros e gramíneas para subir a serotonina. Así vai Galiza…
Moi boa por outra banda esa xogada de poñer a tirita antes da ferida cando dis que si, efectivamente, que é máis rápido o Nesquik. Que ti vas polo colacao!!! Non me fagas o meu speech, home.
Porque a iso vou eu.Nesquik.
O Nesquik é un producto propio da vida moderna que vivimos. A era dos chips, da velocidade, de internet, dos avións e das mil imaxes por minuto. E é que simplemente botando un par de cucharadiñas no leite, remexemos a mistura, e xa temos o pracer listo para beber en apenas 2 segundos. Listo para gozar.
Non imaxino aos lectores pelexando dúas horas cun produto para desfrutalo.
E outra cousa. A vantaxe máis vantaxe de tódalas vantaxes é que se pode preparar frío non, xeado!
Quería eu verte a ti chegando da praia asfixiado coa túa xente agardando abaixo por ti –coma sempre- e preparándote un colacao frío. Non baixas dos quince minutos ata telo listo nin de coña.
Co Nesquik colles o leite frío frío, bótaslle unhas cucharadiñas e quedas saciado de vez.
E xa para rematar, quería meterme un pouco coa marca (coa túa , claro). O colacao é unha marca imaxe do franquismo máis rancio, cun logotipo no que se ve a explotación da muller africana e que en vez de progresar se aferra a esa imaxe clasista de só alimento dos campións. Por favor! Aínda por riba collen como exemplo a Rafa Nadal, o tío máis pijo e corto de mente que houbo en moito tempo no deporte do estado, bueno, despois de Raulito.
Nesquik é unha marca moderna moi achegada a tódolos rapaces sen distinción, sexan campións ou non. Para nós (Nesquik) tod@s son campións/onas.
E penso que con isto chega.
En fin, que nada, que para ligar a través de internet ben vales, pero para expoñer… aínda che queda moito. E por certo, revisa o teu resultado das bullas porque a min non me saen as contas.
Mando un bico chocolateado, fresco e rápido para tódolos lectores, incluída Ari, que no teu afán de seguir co flirteo rociísta, deixaches de lado.
Gracias a tod@s.



Nesquick, Nesquick always forever!!!